martes, 20 de septiembre de 2011

MIRADOR DE PADÍN 1 - NEGREIRA VETERANOS 0

Trala intensa preparación que fixemos nesta pretemporada, por fin comezou a rodar o balón en Ribeira onde nos medimos ao equipo do Mirador de Padín. O partido desenvolveuse na Fieteira onde as excesivas dimensións do terreo de xogo non foron un aliado para os nosos intereses.
Foi unha ocasión para o reencontro cos compañeiros, algúns deles dende había bastante tempo como era o caso de Suso de Niñarelle e de Capi, e tamén do debut da fichaxe estelar que tanto deu que falar nos mentideiros futbolísticos por terse producido nos intres finais antes do cerre do mercado de verán. Tamén foi o partido das ausencias de Suso de Lañas, Moreno, Ponte, Juán e tamén do técnico, Carballo.
Así pois, dende o punto de vista táctico o partido foi plantexado por Antonio que puxo no campo a Berdullas, Capi, Julián, Sergio e un servidor, no medio xogou de inicio Manolo, Nando e Alijo, polas bandas Paco e Couso e arriba de estilete Mario. Estes foron os valentes que saltaron de incio aínda que máis tarde terían tamén a súa oportunidade Pedraza, Pitu, Basante II, Suso. Santi tamén animou dende o banquiño pero debido a unha lesión, froito da diversificación deportiva (consentida por certo polo clube que lle paga religiosamente) non puido debutar.
Na primeira metade o partido deu pouco de sí. O Mirador non chegou con claridade á meta de Berdullas pero o peor de todo é que nós tampouco fixemos nada do outro mundo. Couso foi un dos destacados coas súas internadas pola banda esquerda así como Manolo que se amosou moi combativo no medio do campo onde cortou numerosas xogadas de ataque local. No minuto 20 produciuse o debut de Basante II. Estivo correcto nas entregas de balón e combativo no papel defensivo aínda que se lle notou falto de ritmo.
Na segunda metade o equipo comezou a notar o baixón físico. O equipo local deu mostras do seu potencial en numerosos ataques. De todos xeitos foron ataques sen excesivo perigo para a meta defendida por Berdullas. De feito o gol local chegou máis por deméritos nosos que por méritos do Mirador xa que o balón bateu en dous defensas antes de chegar ao fondo a portería. Este gol chegou xa cando quedaban quince minutos para o final do partido. Tentamos botarnos enriba da portería rival pero con máis corazon que cabeza aínda que en dúas xogadas de Paco estivo rondando o empate.
O mellor da nosa actuación, como sempre, chegou tra-lo final do partido. Cañas a fartar en Ribeira e logo nomeamos unha comisión representativa á que se lle encargou o cometido de catar a nova colleita de viño do Bernabé. Parece ser que nas catro primeiras botellas non atoparon o retrogusto e tiveron que pedir outras catro.
O vindeiro sábado visitará Cepelo o USC que volve á divisón de honra logo dun ano no inferno. Será unha boa ocasión para iniciar o taboleiro de puntos desta temporada aínda que coñecéndonos como nos coñecemos e vendo o estado do equipo, seguro que ata que empece a segunda volta non comezamos a remontar.



1 comentario :

ave fenix dijo...

si todos tuveran a forma física do cronista outro galo vos cantaría, aínda que vexo que seguides sen perder as formas despois do partido, eso é o máis importante animo!!!