domingo, 19 de septiembre de 2010

ZONA BASI : A CRÓNICA DA XORNADA 1

DUBRA 4 - NEGREIRA 3
Botou a andar esta fin de semana unha nova edición da liga de Veteranos da División de Honor da Agrupación de Veteranos de Santiago. Todos con ilusións renovadas, novas fichaxes con grandes expectativas, reencontros con vellos (cada vez máis vellos aínda que tamén máis bellos) amigos, cada un coas súas aspiracións e con dous equipos máis aos que damos a benvida e lle desexamos sorte.

Pola nosa parte tres novos xogadores tentarán achegar cousas novas que melloren o que xa temos aos que tamén lle desexamos unha rápida integración para o cal será menester facer canto antes unha cea na que se lle dé o bautizo de rigor coas pócimas segredas.
Tocounos esta vez arrancar a liga en Val do Dubra, campo de batalla sempre agreste onde un terreo de xogo de reducidas dimensións se unen a unha escadra sempre aguerrida que pon toda a carne no grella.

Os inicios foron complicados cunha presión endemoniada do ByB Fisioterapia (nome que leva este ano o equipo local) e con contínuas chegadas que trouxeron sempre moito perigo á nosa área. Se a iso unimos a páxara que tivo a defensa semellante á que tivo no noso compatriota Ezequiel no último km da bola do mundo podemos entender que con tan só vinte minutos de partido xa levaramos tres caracoles ao lombo. E iso a pesar de que nos adiantamos na primeira xogada do partido nunha xogada magistralmente lanzada por Nando e rematada no segundo pao polo cinco visitante.
Tras este primeiro gol en contra o ByB Fisioterapia apretou e ao final do primeiro tempo o resultado sería de catro a un cando a falta de cinco minutos o equipo local aínda lograría enchufar un máis a cargo de Alfredo.

Ben distinta foi a segunda parte e mellor nos iría de saír desta guisa dende o comezo do partido. O equipo local baixou o pistón e os nosos peloteiros empezaron a carburar. A conexión Nando-Jano promete xornadas de gloria esta temporada e senón, tempo ao tempo. Alfonso levaba lume nas botas pola banda esquerda onde incordiaba unha e outra vez á defensa local. Que máis quixera Cristiano ter esa paradinha que tantas caderas rompen entre os defensas rivais. Deste xeito chegaría un balón a Ivan que de xeito acrobático logrou metela por toda a escadra.

Seguimos presionando pois o equipo local non lograba facerse co esférico e hilvanar unha xogada aínda que chegaría con certo perigo nalgunha ocasión. Froito da presión chegaría o noso terceiro gol tras unha falta lanzada esta vez por Jano e cabeceada magníficamente novamente polo noso número cinco (non me lembro do nome deste xogador!). A parroquia visitante agardaba expectante o empate que finalmente non chegaría a pesar de que houbo algunha outra ocasión.

Ao final, tanto nadar para morrer na beira! Aínda que o resultado ao final non foi todo o abultado que apuntaba inicialmente e, queiras que non, doe menos. A destacar a actuación de Jano que debutaba en partido oficial e a súa asociación con Nando que de seguro mellorará o poder atacante do equipo. Tamén Ivan que estivo moi incisivo e que acadou o premio do gol. Capi tamén estivo fantástico na súa demarcación de lateral esquerdo así como Alfonso que trouxo de cabeza á defensa na segunda parte.

Tamén compre destacar a numerosa afición, sobre todo a visitante, que se congregou no municipal da Tilleira en Bembibre que vibraron co seu equipo aínda que ao final o equipo non lles puido adicar a victoria. Non xogaron as outras dúas fichaxes, Rafa por ausencia e Suso por decisión técnica.
Trala victoria, a corresponde rehidratación de rigor na Xamoneria de Seco en Bembibre e logo paradinha obrigada no Casa Barqueiro de Negreira. Algúns xogadores seguiron logo na degustación da paella xigante no campo da feira.

O sábado debutamos na casa fronte ao Mirador de Padín onde agardamos adicar a primeira victoria á parroquia local.

No hay comentarios :