viernes, 23 de octubre de 2009

XXX CARREIRA POPULAR DE NEGREIRA


O Telecentro da Casa da Cultura acolleu onte á tarde, a presentación da edición número 30 da Carreira Popular de Negreira, a celebrarse o domingo, día 8 de novembro pola mañá.

No acto participaron a responsable de Relacións Externas da firma Begano-Coca Cola, patrocinador da proba que celebra neste 2009 o seu 50 aniversario, polo que avanzou haberá unha sorpresa o día 8 para tódolos participantes na Carreira de Negreira.

O delegado da Federación Galega de Atletismo en Santiago, Iván Sanmartín, salientou o feito de que unha proba como a de Negreira leve trinta anos manténdose entre as de mellor nivel de Galicia e norte de Portugal, que na edición do 2008 batiu a súa marca de inscritos con máis de 1.500 participantes.

Na presentación tamén interviron os dous atletas de Negreira de maior nivel coma son Luis Calvo Castro e Jorge Crespo Arias. Ambos destacaron o esforzo e implicación do Concello e tódalas firmas patrocinadoras como Begano e a marca de prendas deportivas Joma, ca un ano máis agasallará aos gañadores cunha camiseta especial para a Carreira de Negreira. Crespo e Calvo animaron aos máis novos presentes na sala, membros da escola municipal de atletismo, a esforzarse por metas maiores.

Por último, o alcalde Jorge Tuñas Caamaño pechou o acto agradecendo a presenza de María Sande, de Begano, e maila colaboración de tódalas empresas e firmas colaboradoras, sen as cales sería imposible levar a bo porto esta carreira despois de trinta anos. Tuñas tamén lembrou que a mediados dos oitenta participou en dúas edicións da carreira, custándolle o seu chegar á liña de meta.
FONTE : web do concello de negreira
+ INFO :entrando aquí

No hay comentarios :