lunes, 7 de mayo de 2012

NEGREIRA 4 - RACING 1


O Racing estrélase en Negreira
O equipo ferrolán perde 4-1 nun dos seus peores partidos da tempada
Cando todo falla, chegan e sobran 22 minutos para tirar un partido ao lixo. A esas alturas do encontro, o Racing xa perdía por 3-0 en Negreira, nunha das súas peores actuacións da tempada -¡que xa é dicir!-. Deslavazado en defensa, espeso en ataque e sen espabilación nas áreas, o equipo ferrolán nunca deu a sensación de poder refacerse, e nin sequera creou perigo a balón parado, ata perder por 4-1 ante un modesto.
Angustiado na loita pola salvación, o Negreira aproveitaba desde o inicio calquera balón parado para polo na área de Paco Fernández. Así chegou o primeiro tanto, nun envío desde 40 metros de Capelo que cabeceou Nacho no segundo pau. Era o primeiro fallo da zaga. Ao cuarto de hora, Antonio confiouse ao cortar un envío longo e Capelo aproveitou o detalle para anotar o 2-0. O seguinte golpe, noutro pelotazo que colleu á zaga co pé cambiado, hai que imputarllo a Alfonso, incapaz de frear a Nacho, quen acabou marcando de tiro cruzado. Puido haber fose de xogo, pero non cambia a imaxe quebradiza dunha defensa que pareceu demasiadas veces descolocada.
Sen a máis mínima profundidade, o Racing non levou nunca verdaero perigo, e toda a súa bagaxe ata o descanso foron un par de tiros sen veleno. Non só iso, senón que o Negreira, arroupado e disposto a contragolpear, puido marcar o cuarto antes do intermedio.
Tras o descanso, o adestrador do Racing, José Manuel Aira, moveu as súas pezas, e pasou a xogar con tres defensas máis Ernesto como central intermitente cando o equipo perdía o balón. Deu case igual. Nacho completou o seu hat-trick para facer o 4-0, e logo Kamate, o recambio que deu máis faísca ao ataque verde, marcou o 4-1. Co encontro descosido, o Negreira gozou de oportunidades para marcar máis tantos e o Racing tívoo máis difícil ante un rival encerrado. O equipo ferrolán aínda pode terminar a liga sétimo.
Resultado:
NEGREIRA, 4: Albor; Rendo, Munín, Óscar Vidal, Jesús Torres; Adán e Gonzalo; Peloto (Óscar Ramos, min 80), Capelo (Juan, min 72), Dani Méndez; Nacho (Diego Xesto, min 67).
RACING, 1: Paco; Facal, Antonio, Alfonso (Céspedes, min 46), Pérez; Carlos, Ernesto, Juan, Rafa Mella (Kevin, min 83); Pablo Rei (Kamate, min 46) e Cabanillas.
Goles: 1-0, min 2: Nacho cabecea no segundo pau unha falta botada por Capelo. 2-0, min 14: Capelo; 3-0, min 22: Nacho; 4-0, min 65: Nacho; 4-1, min 79: Kamate.
Árbitro:
López Fernández (A Coruña). Mostrou amarelas aos locais Vidal e Adán, e aos visitantes Juan yCarlos.
Incidencias:
Partido da 37 ª xornada de Terceira. Estadio García Calvo ante 500 espectadores.
FONTE : lavozdegalicia.es

No hay comentarios :