miércoles, 25 de abril de 2012

ESNTREVISTA A JORGE CRESPO

«Hai que coidarse e estar todos os días ao pé de canón»

Un dos seus obxectivos para este ano é baixar de 2.30 na carreira de Valencia
Jorge Crespo Arias (Alemaña, 1979) é o campión galego de maratón. Acabou en segundo lugar na Coruña, detrás do etíope Tewodros Zewdu, atleta que acreditaba unha marca de 2.15.34 e que cruzou a meta en solitario. Jorge Crespo chegou a Galicia aos cinco anos. A súa nai é valenciana e o seu pai é natural do concello de Ames. Vive en Negreira e traballa nunha brigada contraincendios da Xunta de Galicia. Pertence ao Club Atletismo Sar Apoutada, de Ames.
-Na Coruña só lle superou un especialista da distancia.
-O certo é que os atletas africanos son doutra galaxia. Están feitos doutra pasta. Son superiores ao resto. Aguantei o que puiden.
-¿Que sensacións tivo cando despois de dúas horas e media entrou de segundo na meta e proclamouse campión galego?
-Unha alegría inmensa. Moi contento. Levo todo este ano preparando a carreira e saíume moi ben. Era o primeiro maratón da miña vida e conseguín un rexistro de 2 horas, 34 minutos e 50 segundos.
-¿Como se desenvolveu a carreira?
-Déuseme moi ben desde o principio. Metinme nun grupo de tres corredores e fomos tirando ata o quilómetro 30. Eles fóronse quedando e os últimos doce fíxenos en solitario. Acabei moi canso. As condicións climatolóxicas foron moi duras, con saraiba, choiva, vento. Houbo de todo.
-¿Sorprendido co resultado?
-Tiña intención de facer un mellor tempo, pero a climatoloxía, insisto, non axudou. Tiña previsto estar sobre 2 horas e 30 minutos. Ata baixar algo. Tamén o gañador contaba cun mellor crono, pero as condicións non eran nada boas.
-¿Como foi a preparación?
-No principio do ano adestrei para o campionato galego de cros. Logo quedábanme dez semanas e pensei neste maratón. Prepareino coa axuda de Carlos Casal, que é un veterano nisto, pois fixo máis maratóns, e con outro mozo que corre comigo no Sar. Alberto Álvarez pasábame unha planificación todos os domingos co adestramento da semana. Tamén me exercitei con Paco San Marcos, que si é un experto. Leva 32 maratóns nas súas pernas. Tiña bos mestres e bos consellos.
-¿Compensa tanto esforzo?
-É unha cuestión de moito sacrificado e constancia. Hai que coidarse moito e estar todos os días ao pé do canón e non podes ir de parranda cos amiguetes. Tamén un pouquiño na alimentación, aínda que coa chea de quilómetros que fas cada semana hai que comer forte. O corpo sen gasolina non vai.
-¿Cantas horas dedícalle ao adestramento?
-Os días que lle dou forte paso máis de dúas horas. Nas xornadas de descanso activo algo menos. Adoito descansar un día á semana, que é tan importante como o adestramento.
-¿É fácil compaxinar a súa xornada laboral co rigoroso adestramento dun maratoniano?
-Traballando non é fácil pórse en plena forma. Por exemplo, hai unhas semanas tivemos moitísimo traballo. A cuadrilla na que estou estivo máis de doce horas diarias nos incendios que castigaron a Galicia. Foi unha semana moi dura e logo de tanto esforzo a un non lle quedan ganas de saír a correr. Claro que é moi difícil compaxinar o traballo co deporte.
-¿Que plans de futuro ten?
-Seguir adestrando duro e a finais de ano, en novembro, participar no maratón de Valencia. Teño familia alí. Intentarei baixar o tempo da Coruña. Mentres, seguirei correndo carreiras populares, campionatos galegos e axudarei ao meu club a crecer en todo o que poida.
-¿Falamos das axudas que ten?
-Mellor non. A ropita que me dá o club, que me paga a ficha. Do resto, nada. É máis, ninguén se puxo en contacto comigo tras lograr o campionato galego.
FONTE: lavozdegalicia.es

No hay comentarios :