lunes, 9 de noviembre de 2009

NEGREIRA 4 - BERTAMIRANS 1


Nas ascensións sempre hai páxaras….

A páxara en ciclismo defínese como un baixón físico súbito que impide ao corredor seguir o ritmo da carreira. A súa etioloxía radica na falta de alimentación o nun esforzo intenso.

Precisamente, debido a esta definición, dubido ao pensar se o que realmente nos pasou o domingo foi unha páxara ou outra cousa porque o que está claro é que a estas altura xa non tomamos pasta catro horas antes dos partidos senón máis ben chegamos para cambiarnos logo de tomar o café de rigor tras un bó cocido de outono. E dende logo, tampouco pode achacarse o acontecido no último partido a un sobre-esforzo pois de ser así deberíamos chamar a Chito para que tivera a ambulancia coas botellas de osíxeno dispostas para ser usadas.

Calquera coñecedor do resultado deste partido que non asistira ao encontro ben poidera pensar que o partido foi un repaso aínda que a realidade foi moi distinta. (Fai clic no + para ler esta fantástica crónica)


De feito, durante case gran parte da primeira parte fomos a remolque froito dun gran gol do Berta dun disparo ben colocado que pillou a Juan co pe cambiado. Este gol foi consecuencia, como non, dunha perda de balón cerca da nosa área, en definitiva un regalo de nadal adiantado.

O desenvolvemento do resto da primeira parte foi bastante pobre en canto a futbol se refire. A base de ramalazos e das entradas de Paco pola banda sucedéronse ata tres ocasións claras, unha delas incluso acabou co balón nas mallas aínda que o trencilla anulou o gol por presunto fora de xogo de Mario.

Antes do descanso, empate a cargo de Alijo de penalti que acabou coa mala sorte dende os nove metros. É curioso, catro penaltis fallados en outros tantos partidos e de repente nun só partido logramos meter tres. Paradoxas do fútbol.

Tra-lo descanso, novo revés coa expulsión de Nando. Este é un dos aspectos cos que debemos ter coidado pois é xa o segundo xogador que estará suspendido por ter sido amonestado co cartón vermello. A partir dahí, con máis corazón que cabeza, logramos empuxar e meter ao Berta na súa área e froito da presión foron dous penaltis máis que transformaron satisfactoriamente Santi e Alijo novamente. De xeito postreiro, aínda metería o cuarto gol Manolo Bilardo, nunha xogada que eu calificaría como de dribling pola retaguardia.

En definitiva, mal partido en canto a xogo aínda que con bo desenlace final. Entre os xogadores destacados, unha vez máis o noso cancerbeiro Juan, moi ben Julián atrás, Moreno que parece que empeza a comprender o sacrificio dos veteranos. Todos entendemos que este equipo non é merecedor da súa calidade pero estamos agradecidos de que comparta connosco o seu bo facer futbolístico.

Destacar tamén a recuperación do olfato goleador dende o punto de penalti onde Santi colleu o toro polos cornos e tomou a decisión de tirar o que logo se convertiría no dous a un o que nos demostra que este xogador crece día a día nos Veteranos. Non debería extrañarnos que nun futuro próximo chame á súa porta algún grande. Para evitalo, o director técnico debe amarrar o contrato aumentando a cláusula.

Moi importante tamén últimamente, ao meu xuizo, está a ser o tercer tempo que cada vez máis está a ter máis seguidores e onde parece que todos estamos a facer actuacións destacadas. Parece que aquí hai poucos que nos poidan gañar. De todos xeitos coido que habería que consultar do departamento físico-médico para verificar se as bebidas pseudotónicas que consumimos despois dos partidos resultan beneficiosas a medio prazo no noso rendemento. Segundo recentes estudios científicos contrastados empíricamente parece que o consumo dunha caña diaria é beneficioso para o organismo humano. O que parece que non está tan contrastado é se a acumulación de varias medidas concentradas nun toma diaria ten o mesmo efecto. Eu cando menos teño a miñas dúbidas.

Agardamos que sigamos ascendendo. Xa estamos a cinco puntos da cabeza.

No hay comentarios :