lunes, 30 de abril de 2012

River Silleda 1-1 Veteranos Negreira

Un sábado máis empeñémonos en dar un estirón a unha corda que parece estar xa nas últimas. Nesta ocasión visitamos a capital da terra de Trasdeza para medir as nosas forzas co River Silleda pero parece que cada vez estamos en peores condicións para medirnos con ninguén. Resulta relevante a réplica dun xogador acontecida ao final do partido a propósito do comentario dun directivo que indicaba que non pasaba nada porque todo dependía de nós: “Iso é realmente o problema. Que dependemos de nós” . E tiña toda a razón. Porque todos estamos dacordo que dende logo, de sermos unha multinacional, non sería este o mellor momento de saír a cotizar en Bolsa. De todos xeitos, a pesar de presentármonos cun equipo en circunstancias no que a efectivos se refire, tamén éramos sabedores do que nos xogábamos e por iso dende o primeiro minuto saímos a por todas buscando a portería rival. Pronto percibimos que o partido non ía ser nada fácil porque se hai algo que nos custa é crear fútbol na medular a pesar de que defensivamente fixemos un partido notable, sobre todo na primeira parte onde tanto Manolo da Luaña como Julián atallaron con certa suficiencia todos os ataques locais. Nestas estabamos cando nunha xogada de córner Fermín logrou rematar a gol un centro botado por Couso. De repente atopámonos cun vantaxe no marcador e ante o panorama de procurar defender un resultado con case todo o partido por diante, algo no que tampouco somos excesivamente expertos. É relevante destacar a figura de Fermín que empezou a temporada sembrando moitas dúbida pero que pouco a pouco foi gañándose a confianza tanto do técnico como dos compañeiros ata o punto de ser o referente na punta de ataque. O River Silleda apenas inquietou a meta defendida por Juán nesta primeira parte e o descanso foi a mellor nova para nós para coller folgos e emprender a aventura de acometer a segunda metade con ánimos renovados. Pero como xa ocorreu en demasiadas ocasións esta temporada, unha internada pola banda esquerda do equipo local rematou en penalti que provocaría o empate no marcador que á postre sería definitivo. E iso a pesar de que non foi por non tentalo. Ata en catro ocasións claras de gol protagonizadas por Mario, Julián, Alijo e Fermín estivemos a piques de adiantarnos no marcador pero a sorte (ou quén sabe qué) non quiso decantarse do noso lado. Quizáis sexa excesivamente pretencioso pola nosa parte escudarnos en algo tan etéreo como a sorte pois iso adoita a ser a causa de non saber percibir os nosos propios erros. Cada vez quedan menos cartuchos na recámara e por iso a nosa situación semella cada vez máis un avión en caída libre, unha pota e presión a punto de estalar ou os estertores dun doente cunha enfermidade incurable. É como algo que ves vir pero que non podes impedir e dende logo que custa moito asumir. De todos xeitos no serei eu o que vexa a botella medio vacía porque tampouco vai conmigo nin, creo eu , co resto do equipo. Así que o que nos queda é botar o resto o vindeiro martes co Baleato&Baleato en Negreira onde esperamos superar a primeira reválida. Confiemos en que esta vez seremos capaces de dar todo o que levamos dentro e poñamos, non xa a primeira pedra, senón xa dunha tacada toda a placa porque a cousa non está para escopetas de balíns senón para metralletas de grande calibre.

No hay comentarios :