lunes, 6 de febrero de 2012

Negreira Veteranos 2 2 Don Budi

Partido disputado no municipal de Cepelo ante do Don Budi de Bertamiráns que finalmente rematou con reparto de puntos. Son xa oito as xornadas que levamos sen perder, o que nos sitúa nunha oitava posición moi enganosa pois o diferencial de puntos coas posicións de descenso é de tan só dous puntos. Isto fai que a pouco que nos despistemos podemos volver a posicións complicadas.
A diferencia básica entre os dous equipos está no medio do campo onde o Budi move o balón con maior criterio. Manu, Roi e Primo son os que se ocupan de distribuir o xogo ofensivo e nas xogadas a balón parado incorporan a xente que vai moi ben de cabeza.
Pronto o Budi se adiantaría no partido tras un roubo de balón no medio do campo que colleu á defensa media despistada. Este gol espoleunos e, con máis corazón que cabeza, comezamos a achegarnos pouco a pouco á meta defendida por Neo. Xa no ecuador da primeira parte Carballo deu entrada a Fermín que fixo novamente o papel de revulsivo como xa ocorrera ante en Calo ante o USC. Nunha internada pola banda dereita, recibiu o balón de Mario e sen tan sequera pensalo soltou un zapatazo que fixo inútil a estirada de Neo, o cal non fala por sí só da envergadura do disparo. Neste arreón transitorio, Fermín tivo outra opción moi clara pero neste caso, equivocadamente, non escolleu a opción expeditiva senón a máis estética.
Na segunda parte máis o mesmo. Os nosos ataques parecían máis ben estertores dun vello moribundo que o froito dun traballo ben elaborado. As internadas pola banda non atopaban rematador e Santi con frecuencia perdíase en batallas perdidas de antemán.
Cando ningúen o esperaba chegou o segundo gol do Budi tras un rechace de Juán a un disparo previo.
Unha vez máis tocaba hombrada e puxemos toda a carne no asador para tentar acadar o empate. Nunha xogada de Santi ao borde da área que parecía unha máis das súas da tarde logrou esquivar a dous defensas e tras buscar posición cómoda arrancou un disparo que bateu no lombo dun defensa e despistou a Neo que non logrou atallala.
Este empate déixanos, como comentaba antes, na oitava praza pero a certa distancia dos postos de descenso o que no fai que non debamos acomodarnos. O vindeiro partido será fronte ao Dodro que parece destinado a loitar con nós por consolidarse nas posicións centrais da táboa clasificatoria.

No hay comentarios :